Os contos de Uxío

 

Pasan poucos minutos das 8 da mañá cando Uxío sae da ducha para vestir o mono verde que cada día o camufla entre as plantas coas que traballa. Hoxe, mentres secaba o pelo, lembrou os contos que a súa nai lle escribía cando era un neno. Uxío ten 30 anos e había xa tempo que non pensaba naqueles relatos que agora viñeron á súa mente.

El debía ter 4 ou 5 anos; a súa nai escribiulle un conto improvisado nun pequeno caderno de notas. Co tempo foi xuntando ideas, así que lles buscou un novo caderno no que escribir en limpo unha serie crecente de textos que, pouco a pouco, foron merecendo un caderno máis grande e elegante no que cada relato incluía debuxos recortados, na súa maioría, de libros de colorear.

Se Uxío lera eses contos hoxe seguramente se atoparía con algúns erros de gramática, de ortografía e de léxico. Pero nada diso está na súa memoria. O que lembra daquelas historias é unha narrativa perfecta e que todas ían sobre el. Ben, isto último non é de todo exacto. A súa nai sempre lle dixo que aquel Uxío dos contos era outro neno ao que tamén lle pasaban cousas, que non era el. El sempre a creu sen dubidar, claro... era a súa nai, non podía mentir! Pero iso non lle impedía sentirse plenamente protagonista daquelas historias. Eran historias, case todas, baseadas en feitos reais e mesmo as que non o eran ben podían telo sido. Aquel neno era un calco del, o seu xemelgo literario. Á fin e ao cabo fora creado pola mesma nai que o parira.


Os contos de Uxío
Geno
06.10.2021

Comentarios